A Deputación de Pontevedra financiará integramente o acondicionamento do núcleo rural da Costa, en Agolada, cunha achega de preto de 65.000 euros. A actuación, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, busca mellorar a rede viaria e de saneamento da zona.
As rúas deste núcleo atópanse deterioradas polo paso do tempo e o tráfico. A solución implicará a demolición do pavimento actual e a execución dun novo de formigón, ademais de operacións de corte e desmonte. Tamén se proxecta a execución da rede de saneamento mediante a apertura de gabias e a colocación de tubaxe enterrada.
O deputado provincial Javier Tourís destacou que estes recursos provinciais dan resposta ás demandas dos concellos e melloran a calidade de vida da veciñanza. Sinalou que plans como o +Provincia impulsan actuacións relevantes que melloran servizos e infraestruturas fundamentais no día a día da xente.




