O Concello de Chantada volveu a conseguir a Categoría Ouro de Praias sen Fume, unha distinción outorgada polo Programa Galego de Promoción dunha Vida Sen Tabaco, que promove a Rede Galega de Praias Sen Fume. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, recolleu este mércores en Begonte o galardón que recoñece á Praia Fluvial do Sangoñedo.
Esta é a sexta ocasión consecutiva na que a Praia do Sangoñedo recibe este recoñecemento. Segundo explicou o alcalde, trátase de consolidar este espazo como un lugar libre de fume para fomentar hábitos saudables e concienciar, especialmente aos máis novos, de que é posible evitar o consumo de tabaco en zonas de lecer e diversión.
O obxectivo dunha Praia sen Fume é que non se fume en toda a zona do areal, convertendo o espazo nun lugar educativo e preventivo coa meta de avanzar cara unha sociedade libre de tabaco.
A brigada de Parques e Xardíns do Concello de Chantada encárgase do mantemento da Praia Fluvial do Sagoñedo e a súa contorna durante todo o ano, ao ser un espazo de acceso libre e gratuíto de interese para a veciñanza. Estas tarefas intensifícanse na tempada estival, cando a afluencia de xente aumenta, ofrecendo un lugar lúdico para gozar da natureza e da compañía sen fume.




