Este evento lúdico, deportivo, cultural e comunitario está promovido pola Sociedade Galega de Xerontoloxía, iNNOHEROICA e o Club Peña Saltasebes Chantada, coa colaboración do Concello de Chantada. Un comité organizador, composto por médicos, xeriatras e representantes da Sociedade Galega de Xeriatría e da Xunta de Galicia, visitou recentemente a localidade para supervisar a organización e os espazos.
As actividades inclúen tres probas deportivas: Resistencia (Carreira sobre asfalto de 2,5 e 5 km), Forza (Lanzamento de Peso) e Velocidade (Carreira de Cros de 200 metros). Tamén haberá dúas probas cognitivas, como xadrez e dominó, ademais de diferentes actividades deseñadas para potenciar as relacións sociais e interxeracionais.
O programa comezará ás 10:00h coa carreira de resistencia e o lanzamento de peso, seguido da carreira de velocidade. Ás 12:00h terán lugar os xogos cognitivos no Parque Eloísa Rivadulla, onde tamén se celebrará a comida e unha actuación musical ás 13:00h. Pola tarde, haberá charlas sobre envellecemento saudable ás 16:00h e unha andaina de 5km pola Ribeira Sacra ás 17:00h, que incluirá unha visita á igrexa de Santa María de Pesqueiras e rematará cunha degustación de viño en Adegas Amedo ás 19:00h.
Todas as persoas contan, todas as idades suman
Baixo o lema ‘Todas as persoas contan, todas as idades suman’, estas Olimpíadas están abertas a todas as idades desde os 6 anos, co obxectivo de combater o odadismo e promover un envellecemento positivo. A madriña da celebración será Esperanza Cortiñas, veciña de Carballedo con 109 anos.
A inscrición está aberta ata o xoves, 17 de setembro, e é gratuíta para os menores de idade. Para o resto de participantes, o custo é de 12€ a 18€, e inclúe a participación en todas as probas, seguro médico, camiseta, comida, asistencia ás charlas e actuación musical, ademais de autobuses para as andainas.
Estas primeiras Olimpíadas do Envellecemento Saudable, que escollen a paisaxe e o patrimonio da Ribeira Sacra e de Chantada como escenario, están a ser promocionadas nas redes sociais co apoio de personalidades como Kiko Novoa, Rodrigo Vázquez, Silvia Jato, Fernando Romay e Álvaro Pino, entre outros.




