O pasado mineiro de Valga centrou hoxe unha andaina organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, á que asistiron preto de vinte persoas. O alcalde, José María Bello Maneiro, aproveitou a ocasión para detallar os proxectos municipais que buscan pór en valor este legado e recuperar para o uso público espazos afectados pola minería.
As antigas explotacións de arxila a ceo aberto, Mina Mercedes e Porto Piñeiro, hoxe convertidas nos maiores lagos artificiais da provincia de Pontevedra, foron os puntos centrais do percorrido. A Mina Mercedes, activa ata os anos 90, transformouse nunha lagoa de case un quilómetro de paseo, con arborado, iluminación e áreas recreativas, albergando un valioso ecosistema con salgueiros, amieiros e diversas aves acuáticas.
A veciña lagoa de Porto Piñeiro, de 5,32 hectáreas, tamén dedicada á extracción de arxila, está en proceso de rexeneración para usos sociais e recreativos. O proxecto inclúe unha praia artificial, piscina, parque acuático e un escenario flotante, cun investimento que xa roza os tres millóns de euros, dentro dun plan global de 14 millóns.
O xeólogo Eduardo González Clavijo guiou aos asistentes, explicando a evolución das canteiras e a súa conversión en espazos ambientais e sociais. Detallou o contexto xeolóxico da zona, onde a riqueza mineira se debe á acumulación de arxilas arrastradas polas augas dos ríos Ulla, Valga e Louro.
A extracción de arxila en Valga remóntase a máis de 2.000 anos, con evidencias prerromanas. A industrialización comezou a finais do século XIX e principios do XX coas "telleiras", e en 1921 a empresa Escudero y Cía construíu unha factoría, seguida polo control de Novo y Sierra en 1927, marcando un "boom" con investimentos como o do cable aéreo ata o río Ulla.
Os participantes tamén se desprazaron ao embarcadoiro de Santa Cristina para coñecer os restos do teleférico de 800 metros que, dende 1927, transportaba arxilas e produtos acabados entre a fábrica e o río Ulla, facilitando a distribución por barco.




