A Xunta de Galicia construirá 15 novas vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo, o acordo desta nova cesión de solo municipal.
A conselleira Allegue avanzou que o vindeiro luns se licitará nun mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras destes novos fogares, cun orzamento de 3,5 millóns de euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de decembro.
Destacou que este contrato esixirá unha porcentaxe mínima do uso de técnicas industrializadas na construción do inmoble. A Xunta aposta por este sistema porque acurta tempos de execución, axuda a paliar a falta de man de obra e é máis sostible e seguro.
Estas vivendas destinaranse, mediante sorteo, ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda, que estean empadroadas ou traballen no concello de Lalín.
A conselleira lembrou que este acordo é a segunda colaboración en vivenda co Concello de Lalín. Hai algo máis dun ano asinouse outra cesión de solo para construír outras 17 vivendas, cuxas obras xa están adxudicadas e comezarán en breve.
Agradeceu ao Concello a súa cooperación, que permitirá ao Goberno galego construír un total de 32 fogares de promoción pública en Lalín, que se prevé que sexan unha realidade no ano 2028. O Executivo autonómico avanza así no seu compromiso de duplicar o parque de vivenda pública no período 2024-2028 ata as 8.000, co obxectivo de acadar as 10.000 no ano 2030.




