A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves, ás 10.00 horas, a tres persoas próximas ao industrial Andrés Quintá, fundador de Extrugasa en Valga e natural de Padrón. A Fiscalía solicita para eles unha pena de dous anos e nove meses de prisión, ademais dunha multa de dezaoito meses cunha cota diaria de quince euros e 1.200 euros en concepto de responsabilidade civil.
Segundo o Ministerio Público, os feitos ocorreron o 10 de abril de 2025. Dous fillos e un exasesor do empresario, coñecedores do procedemento xudicial que se tramitaba no Xulgado número 2 de Caldas de Reis e conscientes do deterioro cognitivo do industrial, aproveitaron a súa confianza e a súa influencia para convencerlle de que asinase un escrito de renuncia ás accións penais que el mesmo iniciara.
Quintá denunciara previamente intentos de arrebatarlle as súas empresas. A Fiscalía sostén que os acusados presionaron á vítima coa súa presenza e co uso das súas relacións persoais e de confianza para lograr o seu obxectivo.




