O Grupo Municipal Popular levou ao pleno do Concello de Lugo unha proposición co obxectivo de reclamar á Deputación Provincial unha maior implicación económica coa cidade e coas festas do San Froilán. A proposta foi aprobada cos votos en contra de PSOE e BNG.
Segundo explican os populares, a achega provincial para o San Froilán experimentará unha drástica redución. Mentres que en 2025 a colaboración era de 435.600 euros, para 2026 prevese unha achega de tan só 50.000 euros. Ademais, os fondos quedan agora vinculados especificamente ao uso do galego e ao fomento da cultura tradicional, limitando o seu destino a actividades concretas.
“"De cada dez euros que daba retira case nove. Deste xeito, a Deputación castiga aos lucenses, ás familias, aos grupos locais, aos bares, aos restaurantes e aos hoteis. Esta discriminación con Lugo obedece ao cambio de goberno, pero o San Froilán non é dos populares, nin do BNG nin dos socialistas; é de Lugo."
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, criticou duramente esta decisión, cualificándoa como un "castigo" á cidade e aos seus sectores económicos. Subliñou que a festa do San Froilán pertence a toda a cidadanía de Lugo, independentemente das siglas políticas.
A alcaldesa, Elena Candia, fixo un chamamento ao PSOE e ao BNG para que apoiasen a proposición en defensa de Lugo e en contra dos recortes, pero ambas as formacións votaron en contra da proposta.




