A peza, que inclúe movemento, inmortaliza o momento no que o rexedor madrileño e a súa muller bailaron un chotis, coa presenza tamén da súa irmá Casilda.
A entrega foi realizada por unha delegación encabezada polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, xunto á tenente de alcalde, Carme Gómez, e quince membros da asociación Amigos do Belén, liderada por Mari Carmen Castiñeiras.
Martínez-Almeida amosou a súa sorpresa polo realismo da figura e agradeceu a inclusión no particular universo do Belén de Valga. Tamén lle lembraron que noutra edición aparecera paseando ao seu fillo recentemente nado, Lucas.
Teño que ir velo
Ademais da figura, a asociación agasallou ao alcalde cun lote de conservas e viño galegos. Durante o encontro, Almeida interesouse pola historia do Belén, as súas edicións e o número de visitantes, manifestando o seu desexo de visitalo e sendo convidado oficialmente á próxima inauguración.
A visita tamén incluíu un percorrido polas dependencias do Palacio de Cibeles, como a Galería de Cristal, o Salón de Plenos e o miradoiro superior.
Bello Maneiro e os representantes de Amigos do Belén destacaron a proxección que estes actos outorgan ao Belén Artesanal en Movemento, declarado de Interese Turístico de Galicia e en trámite para ser recoñecido a nivel nacional.




