As obras de renovación integral do campo de fútbol das instalacións deportivas municipais de Campaña continúan avanzando. Tras a retirada da vella herba artificial e os traballos previos de pavimentación, esta mañá recibiuse o novo céspede sintético de última xeración.
Dous camións transportaron os máis de 7.000 metros cadrados de material, fabricado polo grupo Tarkett en Sebia, que cubrirán toda a superficie do terreo de xogo (104 x 72’8 metros).
O concelleiro Álvaro Fernández achegouse ata Campaña para interesarse polo desenvolvemento dos traballos de instalación, que comezarán mañá e se prolongarán durante dúas semanas. A obra corre a cargo da empresa FieldTurf, co instalador Daniel Vidal, quen xa se encargou do terreo orixinal hai 25 anos.
A nova superficie cumpre cos estándares FIFA Quality Pro, está deseñada para uso intensivo e inclúe unha base elástica amortiguadora (Alveosport) para absorber impactos e mellorar o rebote do balón.
Como novidade ecolóxica, o proxecto prescinde do caucho, adiantándose á normativa europea de 2031, e emprega un recheo a base de carozos de millo. Este compoñente achega sustentabilidade, mellor amortiguación e redución da calor.
A superficie tamén incorpora protección contra os raios UVA, ten as liñas tinguidas na fibra e conta coa homologación do CSIC para a reciclaxe dos seus compoñentes.




