A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha achega de máis de 20.000 euros destinada ao Concello de Catoira co obxectivo de financiar as obras de acondicionamento da escola de música. Estes fondos proceden do Plan +Provincia.
O Plan +Provincia destina este ano ao concello de Catoira máis de 850.000 euros, sumando os 500.000 euros previstos para 2026 e un adianto de máis de 350.000 euros da liña de investimentos para 2027.
As obras previstas no edificio municipal, situado na Avenida Eloy Domínguez, inclúen a reforma, reparación e posta a punto da escola de música e dunha nave anexa que funciona como almacén. O propósito é solucionar avarías, mellorar a eficiencia enerxética e garantir unhas condicións óptimas para o alumnado e o profesorado.
Con estes fondos, instalarase un sistema de climatización por aerotermia na sala de ensaio principal e renovaranse as luminarias. Tamén se substituirán dous lucernarios, cambiarase a porta de comunicación entre a escola e a nave, e repararanse mecanismos de fiestras. Ademais, renovaranse dous urinarios, instalaranse novas billas, pintarase o interior e colocaránse estores e unha cortina para optimizar a acústica e o control lumínico.




