O Concello de Curtis abrirá unha consulta para recoller a opinión dos veciños sobre as "alternativas de permeabilidade da vía" formuladas por Adif. Tras unha reunión informativa á que asistiron máis dun centenar de residentes, ábrese agora un período para que a cidadanía traslade as súas opcións a través dunha instancia habilitada para tal efecto.
O documento xa está dispoñible na web municipal e nas dependencias da casa consistorial. Poden participar os titulares de inmobles e as persoas empadroadas en Teixeiro ou nas aldeas contiguas: Penedo-Teixeiro, Esmorique, Montealto, Abelar, Outeiro, Brexería, Gorxa e A Cancela.
No caso de rexistrarse instancias que non cumpran os requisitos, o Concello de Curtis valorará igualmente a súa incorporación. Deste xeito, búscase implicar aos residentes na solución dunha situación que afecta a numerosos veciños.
Actualmente, existen catro alternativas sobre a mesa: dúas elevadas, diferenciadas pola súa ubicación, e dúas soterradas (aproveitando un paso inferior existente ou construíndo un novo). Calquera delas financiarase ao 50% entre Adif e o Concello de Curtis.
“"Aínda que a consulta non ten carácter vinculante, o Concello de Curtis impulsa a iniciativa como un exercicio de escoita aberta, coa vontade de que a veciñanza participe tamén na toma dunha decisión que impactará directamente á súa mobilidade e no día a día da vila."




