A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitou hoxe o Concello para comprobar o traballo que están a desenvolver as 8 persoas contratadas durante nove meses a xornada completa, ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo. Esta iniciativa do Goberno galego está destinada a fomentar o emprego entre persoas desempregadas ao tempo que reforza a prevención de incendios forestais e a conservación do medio rural.
O Concello de Coirós conta cunha achega de máis de 135.000 euros, que permitiu a contratación destes 8 traballadores para realizar actuacións de limpeza de montes, xestión da biomasa, mantemento de espazos naturais e outras tarefas forestais e ambientais. A delegada subliñou que este programa contribúe a ofrecer unha oportunidade laboral ás persoas desempregadas, facilitándolles experiencia profesional e mellorando a súa empregabilidade, mentres se reforzan actuacións prioritarias para a protección do territorio e a prevención dos incendios forestais.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 20 millóns de euros a esta edición de Galicia Suma Talento: Rural Activo. Na provincia da Coruña, financiouse a contratación de 282 persoas en 81 concellos, cun investimento de preto de 5 millónis de euros. Na comarca do Betanzos, 11 concellos recibiron preto de 671.000 euros para contratar a 38 desempregados.
Como novidade, o programa incorporou a figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios para concellos adheridos ao convenio entre a Xunta e Seaga. Estes municipios tiveron a posibilidade de contar cun contrato adicional para coordinar os equipos e planificar as actuacións. Ademais, por primeira vez, garantiuse aos concellos afectados por grandes incendios forestais e aos adheridos a este convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior.
O programa complétase cunha formación específica para os contratados en materias como prevención de incendios, uso de maquinaria forestal e seguridade no traballo, reforzando así a súa cualificación profesional e a protección sostible do medio rural galego.




