A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar esta actuación integral.
Esta intervención permitirá garantir un servizo de calidade á veciñanza, mellorar a xestión das augas residuais e a protección do medio natural, eliminando as verteduras de augas sen tratar e asegurando un bo estado ecolóxico das augas.
A construción da EDAR, dimensionada para máis de 250 habitantes equivalentes, inclúe preto de 1,8 quilómetros de nova rede de saneamento, a renovación de case 540 metros da rede de pluviais e tamén da rede de subministración de auga.
A conselleira lembrou que esta actuación forma parte dun plan máis amplo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, que inclúe 11 proxectos cun investimento global de máis de 7,5 millóns de euros para reforzar os servizos básicos da auga no rural.
A Xunta subliña a súa política activa de colaboración cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións complexas ou de alto custo económico.




