Esta iniciativa ten como finalidade principal potenciar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade sostible na AC-424. A nova senda conectará coas beirarrúas xa existentes na área do porto, facilitando así a unión co núcleo urbano de referencia para a prestación de servizos.
A actuación desenvolverase nun tramo da AC-424, entre os puntos quilométricos 6+630 e 7+530, garantindo un itinerario seguro para os peóns entre os núcleos de poboación da contorna. En concreto, a senda estenderase entre Corme Aldea e Corme Porto, pola marxe esquerda da estrada.
O itinerario proxectado terá unha lonxitude total de 685 metros e consistirá nunha senda de cor terriza, cun ancho superior aos 2 metros, e unha nova beiravía de 0,50 metros ao longo de todo o percorrido. Ademais, incluirase unha cuneta previa á senda nun tramo específico.
O proxecto tamén contempla o deseño dun muro de contención de formigón armado para minimizar as posibles afeccións a unha vivenda próxima ao punto quilométrico 7+120 da AC-424. Prevese tamén a pavimentación das entradas e accesos que cruzarán a senda, así como as obras de drenaxe necesarias e a preinstalación de servizos para futuras redes de telecomunicacións e abastecemento.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someterá o proxecto a información pública nos vindeiros días, o que requirirá a expropiación de 22 parcelas para a execución deste novo itinerario. A Xunta prevé aprobar definitivamente o proxecto no outono, para logo licitar a execución das obras, cun prazo estimado de nove meses.




