A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) publicou anoche a composición dos novos grupos de Segunda Federación para a campaña 2026/27. O grupo do equipo vigués estará composto por clubs galegos, asturianos, cántabros e, como principal novidade, vascos, que entran en lugar dos de Castela e León.
O conxunto vigués volverá enfrontarse a cinco equipos de Galicia, aínda que só repite un, o Bergantiños. Os outros catro serán os descendidos Ourense CF e Arenteiro, e os ascendidos Compostela e Arosa. Por Asturias, regresarán ao campo de O Vao os xa coñecidos Marino de Luanco e Real Oviedo Vetusta, aos que se suma o Llanera. Da comunidade cántabra, pasarán por Vigo o Rayo Cantabria e a Gimnástica de Torrelavega.
O resto dos rivais, ata sete, chegarán dende o País Vasco, sendo todos eles novos para o conxunto verde: Basconia, Portugalete, Deportivo Alavés B, Amorebieta, Eibar B, Gernika e Sestao River. Desta maneira, o Coruxo emprenderá viaxes polo norte nunha campaña que se prevé máis complicada que a anterior.




