A localidade de Maceda volveu demostrar que o espírito do entroido pode celebrarse fóra da tempada invernal coa celebración do XVII Entroido Quente. Esta cita, organizada pola asociación homónima en colaboración co Concello, busca manter viva a festa na época estival. Veciños e visitantes desfrutaron das rúas con disfraces, combinando o entroido tradicional con pasarrúas e moita "troula e retranca", segundo destacou Esteban Prol, membro da organización, quen tamén sinalou a boa afluencia de público a pesar de ser día festivo e a ausencia de choiva.
A tarde comezou co Rally do Humor, unha xincana con probas e pistas polo centro urbano na que participaron 17 equipos. Paralelamente, os máis pequenos gozaron dunha versión adaptada con xogos de auga, mentres a charanga BCB animaba as rúas. Para recargar enerxías antes da noite, celebrouse unha cea popular con empanada e paella.
“"Por sorte non choveu e veu moita xente malia ser día festivo."
Un dos momentos culminantes da xornada foi a final da Batalla de Galos, onde 16 rapeiros de diferentes puntos de Galicia competiron con rimas improvisadas e disfraces. A velada concluíu coas actuacións musicais de Mekanika Rolling Band, Atacapaca e a sesión do DJ Paulo Seoane, momentos nos que os asistentes "sacaron o millo", confirmando o éxito da festa como referente estival.




