Baixo o lema "Acompañando na crianza", estas xornadas buscan promover un Allariz máis equitativo dende a base, entendendo a crianza como unha responsabilidade social compartida que require contornas públicas seguras e diversas. O programa está deseñado para ofrecer apoio práctico ás persoas que exercen labores de coidado.
As actividades comezarán o sábado 9 de maio cun obradoiro de "Contos, música e danza" dirixido a nenos de 2 a 6 anos. Un dos eventos centrais será o domingo 10 de maio coa "Orientaventura da Corresponsabilidade", unha xincana familiar que percorrerá puntos emblemáticos de Allariz, invitando á reflexión sobre o reparto equitativo das tarefas domésticas.
Para abordar os retos da era dixital, o luns 11 de maio terá lugar o obradoiro "Redes con rede", enfocado na seguridade dixital e dirixido tanto a familias como a profesionais da educación. Para facilitar a participación, o concello ofrecerá un servizo gratuíto de canguraxe para esta sesión, previa solicitude.
A celebración do Día Internacional das Familias será o venres 15 de maio no Xardín do Fogar dos Maiores, cun pícnic comunitario, unha sesión de "Xogos tradicionais non estereotipados" a cargo do CDR O Viso e a actuación musical de María Faltri. As xornadas rematarán o venres 22 de maio cun obradoiro de instalacións de xogo para bebés de 6 a 24 meses.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse de forma presencial no Fogar dos Maiores ou a través dos teléfonos habilitados para tal fin.




