A Zona de Santo Estevo, no centro histórico de Allariz, converterase o vindeiro domingo 6 de setembro nun escaparate de creatividade coa celebración dunha nova edición do Mercado de Artesanía Arte de Man. A cita, que se desenvolverá en horario continuado de 11:00 a 20:00 horas, busca pór en valor o traballo feito a man, o talento e a creatividade dos artesáns.
Esta edición reunirá unha coidada selección de máis de vinte propostas que abarcan desde disciplinas tradicionais ata artesanía contemporánea e de deseño. Participarán obradoiros como Olería do Batán, Mor Talla, I3D Deseño Galego, Magari Clay, Estudo Aldea, Rio Mao Estudio, A Marinheta, Xogo de Fios, Enxógate e Paseloqpase, xunto con xabóns artesanais de A.N.D.R.E.A e Feitizosoaps, encadernación de Elisabeth, e creacións de Xabier Varela, Rosa Ana Soto, So Para Min, Laicalúa, Maria Aba, Luciernaga, D-Rositas e Artesanía Nómada.
A programación de actividades inclúe un obradoiro de creación con flores secas a cargo de Moi de Flores ás 17:30 horas (gratuíto, para maiores de 6 anos, prazas limitadas). Ademais, haberá unha exhibición de Oficios Vivos durante a xornada.
A animación musical será outro dos atractivos, coas actuacións en directo de SoLaSol ás 12:00 horas e das Pandereteiras As Miñeiras ás 17:00 horas.
Coa organización deste mercado, Allariz reafirma o seu compromiso coa promoción do comercio de proximidade, o apoio aos pequenos obradoiros e a dinamización cultural.




