O alcalde, Dani Vega, anunciou as intervencións previstas, destacando o traballo conxunto entre as asociacións de veciños e o Concello para conservar e coidar estas instalacións. "Seguimos xestionando orzamento para mellorar os locais sociais de cada parroquia", afirmou o rexedor.
As actuacións abranguen a renovación da cuberta e do solo no local social de Arante. En Couxela, incrementarase o espazo da pista para eventos e dotarase de equipamento para os nenos e nenas da parroquia. En Piñeira, hormigonarase o exterior de ambos os locais, mellorarase a accesibilidade e actuarase no local anexo á Escola de Couxela.
Ademais, en Vilaframil mellorarase a iluminación, mentres que en Vilaselán renovarase o peche e as ventás, xunto cun novo sistema de calefacción e mellora da iluminación exterior. Tamén se actuará na iluminación exterior de Cubelas e Ove.
“"Todas estas inversións, estas xestións son fundamentais. Faise traballando conxuntamente coas asociacións e grazas tamén á Xunta de Galicia porque é un financiamento 100 % para mellorar os locais sociais."
O alcalde subliñou a importancia destas xestións para "seguir nesta liña" e mellorar as parroquias, sinalando que algúns locais estaban "certamente uns abandonados ou moi pouco coidados e outros que apenas teñen iluminación no exterior". Vega recalcou que a planificación de investimentos e o traballo conxunto coas asociacións son a clave para o avance de Ribadeo.




