No marco da celebración do 48º Congreso Nacional de Semergen, e baixo o lema Aprender a salvar unha vida está ao alcance de todos, a iniciativa permitiu aos participantes aprender a recoñecer unha emerxencia vital, activar correctamente os servizos de emerxencias, iniciar manobras de reanimación cardiopulmonar e familiarizarse co uso do desfibrilador externo automático (DEA).
Esta actividade súmase ás que habitualmente desenvolve a Consellería de Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Entre elas atópanse o programa RCP na Aula, que achega esta formación a centros escolares; a iniciativa Acude e Axuda, cun rexistro de persoas voluntarias formadas en soporte vital básico e manexo de desfibriladores; e a colaboración no Proxecto Ariadna, que posibilita xeolocalizar desfibriladores en espazos públicos e privados.




