O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a actuación do Concello de Cervo na reorganización do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), desestimando o recurso da CNT e confirmando a legalidade e transparencia do proceso.
A xustiza galega deu a razón ao Concello de Cervo na reorganización do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou na súa totalidade o recurso presentado pola sección sindical da CNT, avalando así a sentenza previa do Xulgado do Social número 3 de Lugo.
Esta resolución supón un novo respaldo xudicial ás decisións do goberno local, confirmando que a actuación municipal se realizou con pleno respecto á legalidade e desmentindo as acusacións sindicais. O tribunal considera acreditada unha causa organizativa real e suficiente para xustificar a modificación substancial das condicións de traballo, motivada pola finalización do convenio que sustentaba o funcionamento do GES.
A sentenza rexeita expresamente as alegacións sobre vulneración de dereitos fundamentais, descartando represalias contra os traballadores ou a actividade sindical da CNT. Conclúe que as decisións se basearon exclusivamente en criterios organizativos obxectivos e razoables, e que durante a negociación houbo un auténtico período de consultas sen que se poida apreciar mala fe por parte da Administración local.
“"Esta resolución confirma o que levamos defendendo dende o primeiro día: que o Concello actuou con responsabilidade, con transparencia e dentro da legalidade."
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, valorou moi positivamente a sentenza, subliñando que a prioridade sempre foi "garantir a seguridade dos traballadores e a correcta prestación dun servizo esencial para a veciñanza". Engadiu que as decisións adoptadas responderon a "razóns organizativas reais e á necesidade de dar resposta a unha situación complexa", e non a "interpretacións interesadas".
“"Sen embargo, ante a falta de solucións, o Concello actuou con responsabilidade, e agora a xustiza volve a confirmar que aquela decisión estaba plenamente xustificada."
García Caramés tamén lembrou que se dirixiron á Deputación de Lugo, como administración competente, para atender as demandas e evitar a medida, pero ante a falta de solucións, o Concello actuou con responsabilidade. A alcaldesa concluíu que esta nova sentenza "reforza a posición mantida polo Concello durante todo este proceso" e confirma que "sempre actuamos defendendo o interese xeral, a seguridade dos profesionais e a continuidade dun servizo esencial para a cidadanía".