O incendio forestal rexistrado no municipio de Ourol, parroquia de Merille, foi controlado ás 13,36 horas de hoxe. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. O lume orixinouse onte e para a súa extinción mobilizáronse 2 técnicos, 8 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Tamén se atopa controlado o incendio forestal do concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, rexistrado onte. As estimacións provisionais indican que afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas, a maioría delas no municipio lucense de Guitiriz. Para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 15 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.
Ademais, continúa controlado o lume de Taboada, parroquia de Ínsua, desde as 19,31 horas de onte. Este incendio, que se orixinou onte ás 16,44 horas, afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas. Na súa extinción participaron de xeito acumulado 5 técnicos, 16 axentes, 31 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 6 avións.
A Consellería do Medio Rural recorda a importancia de alertar sobre calquera incendio forestal chamando ao número gratuíto 085. Tamén se dispón da aplicación móbil ALume para avisar sobre lumes activos e dun teléfono anónimo (900 815 085) para denunciar actividades delituosas incendiarias. A información actualizada sobre incendios que acadan as 20 hectáreas pode consultarse na conta de X: @incendios085.




