Nos primeiros meses do ano 2027, o Concello abrirá unha convocatoria pública para que todas as persoas interesadas poidan inscribirse e participar no proceso. O sistema será mediante a constitución dunha cooperativa, cos prezos de venda fixados pola Xunta. Neste momento entrou en vigor unha nova liña de axudas segundo a que o Estado concederá préstamos ao 0% de xuros para o pago da entrada, principal impedimento para que moitas persoas puidesen adquirir estas vivendas.
O texto sinala que os concellos non dispoñen de competencias para intervir sobre o mercado da vivenda, sendo a administración con capacidade legal de intervención o Estado, que tamén ten transferidas algunhas competencias ás comunidades autónomas. A grave crise actual en España está orixinada por múltiples factores como a falta de regulación, normas e leis que benefician a especulación, a escasa construción de vivenda pública, a proliferación de pisos turísticos ou o forte incremento dos prezos dos materiais de construción.
A solución, segundo o comunicado, non é máxica nin inmediata e está na man do Goberno central e do Congreso, e secundariamente nos Gobernos autonómicos. A responsabilidade municipal limítase a planificar e desenvolver o territorio, xa que non pode haber vivendas sen o solo para construílas. En Oleiros, isto materializouse coa aprobación de 3 plans xerais de urbanismo, establecendo un modelo residencial de baixa densidade que posibilitou a construción de vivendas libres e protexidas, primando o crecemento ordenado e a creación de espazos e infraestruturas públicas.
Desde 1992, construíronse 1.286 pisos de protección en Oleiros, incluíndo os 296 actualmente en construción ou de inicio inminente. Detalla as seguintes promocións: PERILLO – 21 (rúa Dona Emilia), DORNEDA – 96 (Xaz), MERA – 28 (rúa Eduardo Galeano), OLEIROS – 20 (A Rabadeira), PERILLO– 15 (O Paraíso), MONTROVE – 36 (Icaria), OLEIROS – 22 (A Pezoca), MERA – 15 (Pinar do Río), MERA – 28 (Pinar do Río), MERA – 15 (rúa Eduardo Galeano). As promocións marcadas con asterisco son de iniciativa privada.




