A mostra, organizada por PlaymoGalicia xunto co Concello de Curtis, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ultima os detalles para presentar varios dioramas, un deles de ata 16 metros cadrados. As escenas trasladarán aos visitantes ao Antigo Exipto, ao Vello Oeste, ao planeta Marte ou ao universo de Heidi. En clave histórica e local, un dos dioramas estará dedicado aos castros galegos.
A feira abrirá as súas portas este venres 30 de outubro, de 16:30 a 20:00 horas. O sábado 31 poderá visitarse de 10:30 a 20:00 horas, e o domingo 1 de novembro, de 10:00 a 19:00 horas. A entrada será gratuíta durante as tres xornadas.
O Concello de Curtis convida a asistir á veciñanza e á xente da contorna, agradecendo o traballo de PlaymoGalicia. Na entrada, as persoas asistentes recibirán un papel para participar nun xogo de detección de erros nos dioramas, optando a diferentes premios. Ademais, haberá unha campaña solidaria de recollida de cápsulas plásticas amarelas de ovos de chocolate, cuxo material recollido destinarase a fins solidarios.
A exposición reunirá miles de figuras e contará tamén con vendedores de Playmobil, sendo unha oportunidade para coleccionistas e afeccionados. Playmobil é unha liña de xoguetes baseada nunha figura de 7,5 centímetros de alto, con accesorios, vehículos e edificios á mesma escala, que permite recrear todo tipo de escenarios.




