O Concello da Coruña activará o vindeiro sábado, 1 de agosto, un dispositivo especial de mobilidade con motivo das Festas de María Pita. Esta medida implicará un reforzo nas liñas de autobús que operan despois dos concertos, co obxectivo de facilitar o desprazamento da cidadanía aos eventos que se celebrarán na praza de María Pita durante a primeira quincena de agosto.
O servizo especial cubrirá todas as actuacións na praza, incluíndo o programa Noites de María Pita e os concertos do Festival Noroeste Estrella Galicia. O dispositivo, con saídas centralizadas dende Porta Real, estará habilitado a partir das 00.00 horas.
As liñas que contarán cun reforzo do servizo son a 1 (Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón, avenida de Monelos), a 1-A (Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande, Eirís), a 3 (Durmideiras, Monte Alto), a 3-A (Labañou, Os Rosales), a 6 (Juana de Vega, praza de Pontevedra, Fisterra, O Ventorrillo, Meicende), a 7 (Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo, Vila de Negreira), a 11 (Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela, Os Mallos) e a 21 (Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque, Novo Mesoiro). A liña 24 dará cobertura a Elviña e A Zapateira.
Ademais, o servizo nocturno de autobús funcionará en sentido inverso a partir das 00.05 horas (Porta Real - Os Castros - O Castrillón - Monelos - Eirís - Palavea - Rolda de Outeiro) e en sentido habitual a partir das 00.30 horas (Labañou - Rolda de Outeiro - O Birloque - Novo Mesoiro).




