O creador de contido, que xa visitara Galicia hai uns meses, volveu para descubrir un "incrible restaurante" que, segundo as súas palabras, "vai ir á túa lista de restaurantes pendentes". O local, situado en Dombodán, Arzúa, ocupa un espazo que data do ano 1523 e ofrece unha experiencia gastronómica onde "comes rico e abundante, como se fai nos pobos galegos, mentres te deleitas cun espazo incrible".
“"Non teñen carta, é unicamente un menú á carta, que sae por 45 ou 55 euros por persoa."
Entre os pratos degustados, destacou os callos, descritos como o "prato estrela da casa", subliñando a súa diferenza cos callos madrileños polo uso de garavanzos e un guiso "lixeiramente picante" cun sabor profundo. Tamén se sorprendeu cunha ensalada de porros asados con burrata, mortadela e pistacho, unha recomendación do chef que, aínda que non é "moi de pobo", cualificou de "sobresaínte" e "grata sorpresa".
Outros entrantes que catou foron os pementos recheos de lagostino con queixo de Arzúa, unha receita que o "encandeou" desde o primeiro momento. Como pratos principais, o menú ofrece opcións contundentes como o cordeiro, "ben preparado, zumento por dentro e coa pel torradiña", e a mini costela de vaca, da que afirmou: "Non sei que leva pero está moi boa".
“"Que ben se come nos pobos."
Para rematar, o crítico decantouse por unhas filloas de crema e unha tarta de queixo caseira de pistacho. Aínda que esta última non lle xeraba moito interese inicialmente, acabou sorprendéndoo gratamente. A súa conclusión foi clara: "Entre o que me sorprenderon os porros, os callos e a tarta de queixo, máis o bonito que é o sitio por dentro e por fóra, marcho feliz".




