O encontro científico, organizado polo grupo MODES, terá lugar na Sala Cloud do CITIC de 09:30 a 14:00 horas. Contará coa participación de recoñecidos investigadores internacionais como Jiming Jiang, da University of California (Estados Unidos), e Thuan Nguyen, da Oregon Health and Science University (Estados Unidos). Tamén intervirán as investigadoras do CITIC e do grupo MODES María Bugallo Porto e Naomi Diz Rosales.
A estimación en áreas pequenas é unha liña de investigación clave para obter información estatística fiable en subpoblacións ou territorios con mostraxe reducida. Combina datos de distintas fontes e relacións entre áreas, sendo de especial interese para a saúde pública, a economía ou a análise territorial.
Jiming Jiang abrirá o programa coa ponencia Small Area Causal Inference, presentando un novo marco para a inferencia causal en áreas pequenas, baseado en técnicas de predición empírica óptima (EBP) para mellorar a precisión das estimacións de efectos causais específicos de cada área.
Pola súa banda, Thuan Nguyen presentará Small Area Functional Estimation, centrada na estimación funcional onde a característica de interese é unha función que evoluciona no tempo, aplicando o modelo de Fay-Herriot ao contexto funcional.
A investigadora María Bugallo Porto abordará as dificultades de predición en modelos M-quantile con Generalized M-Quantile Small Area Estimation under Working Models, combinando a robustez dos métodos M-quantile coas vantaxes predictivas de modelos de verosimilitude.
Finalmente, Naomi Diz Rosales presentará One size does not fit all: random regression coefficients in small area estimation, unha investigación que incorpora coeficientes de regresión aleatorios para representar a heteroxeneidade territorial, aplicada á predición de ocupación de UCI por COVID-19 e á estimación da renda dispoñible.
O VI Workshop SISAE ofrecerá un espazo para avances metodolóxicos e aplicacións na obtención de información precisa sobre poboacións ou territorios pequenos con datos limitados, considerando a heteroxeneidade e a evolución temporal.
O encontro poderá seguirse presencialmente na Sala Cloud do CITIC ou en liña a través de Microsoft Teams. As persoas interesadas en asistir de forma presencial deben confirmar a súa asistencia antes do 8 de setembro ás 12:00 horas. O programa completo e a información sobre os relatores están dispoñibles na páxina web do seminario.




