A exposición, que xa pasou por varios municipios galegos, chega á capital estradense para enmarcarse nun 2026 que foi declarado Ano Cultural Virxinia Pereira, en honra dunha estradense clave para a conservación do legado de Castelao.
A mostra poderá visitarse de xeito totalmente gratuíto. Estará dispoñible de luns a venres en horario de 09.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30, e os sábados de 10.00 a 13.30 horas.
O caricaturista, debuxante, ilustrador, escritor, pintor e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelao constitúe o foco desta exposición, que reúne unha ampla selección das súas múltiples facetas. O proxecto busca divulgar a obra dun dos creadores e ideólogos galegos máis singulares.
A exposición “Castelao grafista. Facsímile”, comisariada por Miguel Fernández-Cid, reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao. Ademais, conta con obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares, incluíndo retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas, así como textos orixinais e manuscritos do autor.




