A inauguración da exposición terá lugar ás 20.30 horas e contará coa participación da concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a presentación de Manuel Teira. A velada estará amenizada pola música tradicional do grupo Xiada.
A proposta artística reúne dúas linguaxes pictóricas persoais e recoñecibles, froito das traxectorias de ambas creadoras, marcadas pola dedicación e a paixón pola arte.
Toña Somoza presenta unha colección cun importante compoñente imaxinativo, onde a figuración serve como elemento referencial e expresivo. A súa mirada surrealista crea escenas cargadas de cor, luz e movemento, con reminiscencias do cómic e influencias do impresionismo.
Pola súa banda, Teresa González constrúe un territorio creativo máis ligado á intimidade, aos silencios e á creación de atmosferas. Nesta entrega conviven diferentes expresións pictóricas, desde a abstracción ata o uso de arpilleiras e costuras, abordando as relacións humanas desde unha linguaxe sensible e persoal.
«Universos Cromáticos» poderá visitarse durante todo o mes de setembro na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler. Esta iniciativa forma parte da programación da Concellería de Cultura da Pobra do Caramiñal.




