O proxecto busca mellorar as instalacións do mercado, un dos máis activos da cidade, que recentemente celebrou o seu 20 aniversario. A nova infraestrutura permitirá xerar ata 1.000 quilogramos de xeo ao día.
O concelleiro Juan Ignacio Borrego destacou o compromiso municipal coa modernización dos mercados para garantir a calidade dos produtos. "O xeo é un elemento indispensable na venda de produto fresco e con esta intervención buscamos facer máis rápidos e efectivos os procesos de refrixeración", afirmou.
A nova instalación incluirá un silo de almacenaxe con paneis frigoríficos e revestimento interior de aceiro inoxidable, ademais dunha porta dispensadora e embocaduras cónicas para evitar desperdicios. Tamén contará cunha escaleira de mantemento para facilitar o acceso aos equipos de xeración.
Borrego engadiu que estas melloras "poñen en valor o produto local, especialmente o producto do mar", e subliñou a importancia de apostar pola calidade e o consumo local a través de iniciativas como o selo Peixe da Lonxa ou as Xornadas de Bonito.
As ofertas para adxudicarse o contrato estarán abertas ata o próximo 24 de xullo. A actuación será levada a cabo a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).




