Madame Bird, proxecto musical de Carla de Figueredo, unha das voces destacadas da música negra en Galicia, inicia unha nova etapa coa presentación de temas propios. Tras dous anos de concertos con versións de rocksteady e northern soul, o seu novo traballo, titulado Old Souls, recolle temas de marcado carácter souleiro.
A proposta de Madame Bird combina influencias do northern soul clásico, o R&B, o jazz crooner dos anos 50 e o soul das décadas posteriores, creando un son persoal e recoñecible. En directo, a banda preséntase cun potente formato acompañado por José Triay (guitarra), Toño Martín (baixo), Alberto Camba (batería) e Diego Rois (teclados e coros).
As Tardes do Alfar consolidan a súa identidade como unha experiencia cultural única, ao aire libre e gratuíta para todas as familias. O Concello de Oleiros convida á veciñanza a gozar desta cita co talento e a cultura local todos os xoves do mes de xullo, nas Torres de Santa Cruz.




