As obras de remodelación dos Cantóns, promovidas polo Concello, transformarán o corazón da cidade, aumentando a accesibilidade, os espazos peonís e as áreas verdes, ademais de reducir considerablemente a superficie de asfalto, o que mellorará a sostibilidade da contorna.
Antes da remodelación, os Cantóns tiñan case 16.000 metros cadrados de pavimento. Coas actuacións previstas entre a praza de Mina e o Teatro Colón, o Concello reducirá o asfalto á metade, deixando aproximadamente 6.700 metros cadrados. Esta medida contribúe á redución de temperaturas extremas e á mellor infiltración de auga.
A redución de asfalto permitirá habilitar máis superficie peonil na contorna do Obelisco, o Cantón Grande e o Cantón Pequeno, e proximamente en Entrexardíns. En total, os Cantóns contarán con 5.000 metros cadrados máis de espazos peonís, con máis granito e baldosa hidráulica.
A circulación de vehículos manterase con dous carrís (un por sentido) para automóbiles e transporte público (autobuses urbanos, interurbanos e taxis). A alcaldesa, Inés Rey, destacou que "o que durante a pandemia todos puideron apreciar disfrutando do espazo público cobra agora a súa configuración definita, con moito menos asfalto, máis enlousado e máis verde. É unha actuación da que pronto poderá gozar todos os cidadáns, que ademais gañarán un xardín histórico que deixara de estar partido por unha carreteira".
As áreas verdes nos Cantóns triplicaranse, pasando de 450 metros cadrados a 1.300. Incorporaranse especies arbustivas nas novas medianeiras que separarán o carril-bici dos carrís de tráfico rodado entre a praza de Mina e o Teatro Colón. Estas tarefas de xardinaría executaranse na fase final das obras.
Ademais, plantaranse como mínimo 17 novas árbores. Exemplares xa están distribuídos nas rúas Manuel Casás (6), o Obelisco (4) e Santa Catalina (5). Prevese incorporar máis exemplares na praza de Mina e fronte á Fundación Barrié.




