A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou hoxe a licitación desta fase, que inclúe a demolición, escavación e valorización de 800.000 m³ de materiais. Esta actuación permitirá avanzar na construción dos novos edificios asistenciais do complexo.
O orzamento estimado para esta fase é de 52,1 millóns de euros. O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 21 de setembro, e a previsión da Xunta é adxudicar os traballos a finais deste ano para iniciar as obras canto antes.
Allegue destacou que a ampliación do CHUAC é a obra sanitaria máis complexa e de maior investimento da Xunta, cun total de máis de 500 millóns de euros, para atender a máis de medio millón de usuarios da área da Coruña.
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, subliñou o investimento na renovación de infraestruturas hospitalarias, con obras en marcha tamén en Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Ourense. Tamén lembrou a renovación tecnolóxica que permitirá a incorporación dunha cuarta resonancia magnética ao CHUAC.
A conselleira tamén repasou actuacións xa executadas, como a demolición do antigo Hotel de Pacientes (cun investimento de 1,4 M€) e o avance das obras dos novos accesos ao CHUAC (máis de 24 M€), incluíndo a construción dun novo viaduto sobre a AC-12.
Respecto á Torre Polivalente, xa rematou a escavación e estase a preparar o inicio dos traballos de estrutura en setembro. Este edificio de 16 plantas, catro delas subterráneas, destinarase a usos administrativos e implicará a demolición de tres vivendas próximas.




