O Concello de Tui continúa avanzando na recuperación do patrimonio municipal coa finalización da primeira fase da intervención no antigo edificio dos Xulgados da Praza da Inmaculada. Este inmoble, de singular valor arquitectónico, está a ser recuperado por fases para incorporalo ao patrimonio público útil da cidade.
Esta primeira actuación, cun investimento de 224.321,90 euros, está financiada polo Plan de Sostibilidade Turística “Vive a Historia, descubre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza”, dentro da estratexia municipal de captación de fondos europeos.
Os traballos centráronse no acondicionamento da planta baixa, mellorando a accesibilidade, conservación, eficiencia enerxética, habitabilidade e funcionalidade. Instalouse un novo aseo adaptado, renováronse as instalacións eléctricas con tecnoloxía LED, e incorporouse un sistema de ventilación con recuperación de calor.
Recuperouse o sistema de calefacción con caldeira de pellets, mellorouse o illamento térmico e renováronse os pavimentos interiores. Tamén se mellorou a habitabilidade, actualizáronse os aseos existentes e implantouse un novo sistema de protección contra incendios.
Aplicouse un tratamento hidrofugante nas fachadas para protexer a pedra e reducir a súa permeabilidade. A intervención destaca os elementos arquitectónicos singulares do inmoble, como o espazo central, a galería acristalada e os arcos de pedra.
A nova iluminación exterior da fachada e da fonte da praza contribúe a destacar os valores arquitectónicos e a integrar o edificio no seu contorno. O obxectivo é que os espazos recuperados poidan acoller diferentes funcionalidades futuras.
Esta actuación é a primeira dun proceso máis amplo. O Concello xa está a redactar o proxecto para a rehabilitación da planta alta do inmoble, nunha planificación progresiva que busca a recuperación integral do edificio.
O edificio comezará a acoller actividade nos próximos meses con iniciativas como Espazos Efémeros (9-12 de outubro), os premios AJE Vigo 2026 (15 de outubro), Hispacon 2026 – Tuidcon (16-18 de outubro), e A Emoción dos Viños 2026 (6-7 de novembro).
A recuperación deste edificio forma parte dunha liña do Concello de Tui para actualizar instalacións e adaptar edificios municipais, respectando os seus valores patrimoniais. Mobilizáronse máis de 3 millóns de euros para recuperar patrimonio e equipamentos, incluíndo actuacións no Mercado de San Antonio, o edificio sociocultural da rúa Camilo José Cela, a antiga cárcere e o edificio do Náutico.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que "esta actuación é un paso máis na recuperación e posta en valor do patrimonio municipal, devolvendo o uso a edificios que forman parte da identidade da cidade e que nos singularizan". A captación de fondos europeos é clave neste proceso.




