O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañado pola Concelleira de Goberno Eva María Rivas, a directora da obra María del Carmen Martínez e o xefe de obra da empresa adxudicataria, visitou esta mañá as novas instalacións. Piña destacou a importancia desta actuación para poñer en valor un espazo con tradición no municipio, mellorando a seguridade, a accesibilidade e a calidade dos servizos públicos.
Os equipamentos da área de saúde para persoas maiores, retirados durante as obras, serán repostos por novos aparellos nunha localización axeitada dentro da contorna do parque.
A actuación na Carballeira do Cacharado incluíu a creación dunha nova área lúdica inclusiva de 205 metros cadrados, deseñada para nenos e nenas de diferentes idades e capacidades. Conta cun pavimento de seguridade de alta absorción de impactos e combina xogos activos con zonas tranquilas, incorporando randeeiras tipo “niño”, un carrusel adaptado, un areeiro, xogos de equilibrio e unha estrutura central con torres, tobogáns e paneis lúdicos. Unha varanda perimetral reforza a seguridade ante a proximidade do tráfico rodado.
Complétase a intervención coa habilitación dunha zona deportiva de 117 metros cadrados, equipada con dúas canastras a diferentes alturas e un peche deportivo parcial, ampliando as posibilidades para a práctica de actividade física.
O orzamento base de licitación da obra foi de 169.436,83 euros (IVE incluído). A empresa Construcciones y Almacenes M. Viso e Hijos, S.L. adxudicouse o proxecto por 169.279,00 euros (IVE incluído). O investimento total ascende a 175.510,50 euros, financiado pola Deputación de Pontevedra (Plan +Provincia), a Xunta de Galicia (AGADER) e fondos propios do Concello da Cañiza. A redacción do proxecto, cun custo de 4.477,00 euros (IVE incluído), foi financiada integramente con fondos propios.
“"Con esta actuación, o Concello completa a renovación deste espazo de referencia para as veciñas e veciños da Caniza, reforzando o seu carácter como lugar de encontro, convivencia e lecer para persoas de todas as idades."




