O Salón de Plenos da Deputación acolleu o acto de entrega deste recoñecemento, no que participaron a deputada de cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto García Suárez; o comisario do premio, Xurxo Lobato e o fotógrafo Manuel Sendón.
A deputada de cultura, Natividade González, destacou a "mirada" de José Suárez, subliñando a súa capacidade para captar a esencia de Galicia, dende o mar e os mariñeiros ata a dureza da vida cotiá, sempre cunha "enorme forza estética, pero tamén profundamente humana".
González sinalou que, malia que a traxectoria de Suárez o levou lonxe de Galicia, a súa obra sempre mantivo unha forte conexión coa terra. Este recoñecemento, engadiu, supón "un regreso" e unha reivindicación do seu lugar na historia da fotografía e da cultura galega. O premio Luís Ksado, ademais de fomentar a creación actual, busca "construír memoria".
Este recoñecemento a José Suárez forma parte das actividades paralelas da 20ª edición do Premio Luís Ksado de creación fotográfica. O programa inclúe tamén unha clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto o 6 de outubro no Centro Ágora da Coruña, e unha conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición, o 7 de outubro no Museo do Pobo Galego.
Ademais, o 7 de outubro inaugurarase no Museo do Pobo Galego a exposición das obras premiadas e finalistas da edición 2026, coa participación de Xurxo Lobato, Miguel Muñiz, María Xosé Fernández Cerviño e Natividade González.




