O encontro, organizado polo grupo MODES do CITIC e coordinado pola investigadora María José Lombardía, contou coa participación de recoñecidos investigadores internacionais como Jiming Jiang (University of California, Davis) e Thuan Nguyen (Oregon Health and Science University). Tamén interviron as investigadoras do grupo MODES María Bugallo Porto e Naomi Diz Rosales.
A investigación principal busca responder como obter información estatística fiable sobre territorios ou colectivos concretos cando os datos dispoñibles son insuficientes. Os métodos desenvolvidos permiten aproveitar distintas fontes de información e ter en conta as diferenzas entre áreas.
Estas técnicas son de utilidade en ámbitos como a saúde pública, para analizar indicadores en zonas ou grupos específicos; a economía, para coñecer a evolución da renda en distintos territorios; ou a análise territorial, cando as enquisas non proporcionan mostras amplas.
Durante o workshop, Jiming Jiang presentou unha nova aproximación para estudar a variación de efectos entre diferentes grupos ou territorios, enfocándose na inferencia causal en áreas pequenas. Pola súa banda, Thuan Nguyen expuxo unha proposta para analizar fenómenos que evolucionan co tempo, aplicable ao estudo de taxas de cancro ou indicadores económicos.
Tamén se presentaron investigacións do propio CITIC e do grupo MODES. María Bugallo Porto abordou métodos para mellorar predicións con grupos pequenos, combinando ferramentas estatísticas. Naomi Diz Rosales expuxo unha investigación que recolle as diferenzas na relación entre variables en distintos territorios, aplicada á predición da ocupación de UCI por COVID-19 e á estimación da renda dispoñible.
O CITIC, creado en 2008, é un centro de investigación da Universidade da Coruña enfocado en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Estrutúrase en catro áreas: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais de Ciberseguridade. Está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS 2024-2027, cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea (FEDER Galicia 2021-2027).




