A Deputación da Coruña achegará un máximo de 52.000 euros para a compra dun autobús que a Federación Galega de Automobilismo adaptará como oficina móbil. O convenio, asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da federación, Antonio Rodríguez Troitiño, supón que a institución provincial cubra o 66% do custo total estimado, que ascende a 78.650 euros.
Ambos os representantes destacaron que esta nova oficina móbil representa un avance significativo nos medios técnicos dispoñibles para a organización de carreiras, ademais de supoñer un aforro económico para as entidades organizadoras das probas.
Unha vez acondicionado, o vehículo albergará a dirección de carreira e disporá dun espazo para control de tempos con ordenadores, así como outra área para reunións de comisarios deportivos. Tamén contará con conexión 5G a Internet, climatización e xerador eléctrico.
Esta oficina móbil será utilizada no desenvolvemento das distintas probas e actividades que a federación organiza na provincia da Coruña. Na tempada pasada celebráronse sete de autocross, cinco de slalom, unha de karting e tres ralis, como o da Coruña, o Berberecho de Noia e o de Ferrol, que mobilizaron a miles de equipos e espectadores, xerando un impacto económico directo superior aos 2,3 millóns de euros.
Ademais, a sinatura do convenio serviu para reafirmar o compromiso mutuo coa educación viaria. A federación organizará visitas a centros escolares da provincia para introducir o alumnado no automobilismo e impartir formación sobre hábitos saudables, valores deportivos e igualdade, chegando a máis de 1.600 alumnos nos últimos anos.




