A XXXIII Carreira Popular do Concello de Cambre terá lugar o 15 de agosto, cun programa de probas deseñado para diferentes categorías e idades, desde Mini ata sénior e máster. As distancias variarán entre os 130 e os 7.300 metros.
As categorías Sub-14, Sub-16 e Sub-18 comezarán ás 9:50 horas cun circuíto de 3.500 metros. Ás 10:00 horas, as categorías Sub-20, Sub-23, Sénior e Máster disputarán unha proba de 7.300 metros. As carreiras das categorías inferiores (Sub-12, Sub-10 e Mini) terán lugar a partir das 11:20 horas con percorridos máis curtos.
Para garantir a seguridade, estableceranse cortes de tráfico e restricións de estacionamento dende as 8:00 horas en varias vías, incluíndo o acceso á contorna do Concello e a zona do pavillón Sofía Toro. A estrada da Estación permanecerá cortada entre as 9:45 e as 10:15 horas.
Tamén haberá modificacións nos accesos aos garaxes da contorna do Concello entre as 8:30 e as 12:30 horas, requirindo o uso da rúa de Correos e a estrada diante do colexio, que funcionará temporalmente en dobre sentido. A estrada de saída dos garaxes estará cortada entre as 11:30 e as 11:50 horas.
O paseo do río Mero, entre a ponte de Sigrás e a ponte de Cela, estará ocupado polas dúas marxes dende as 9:45 e as 11:00 horas, polo que se recomenda non utilizalo durante ese período.
O Concello de Cambre agradece a colaboración da veciñanza ante estas restricións temporais e solicita o respecto pola sinalización e as indicacións do persoal da organización e da Policía Local.




