O Concello de Bergondo levará a pleno este xoves, 28 de maio, unha modificación de crédito que ascende a 1.105.893,52 euros. Esta inxección de fondos ten como obxectivo dar unha "resposta áxil e directa a demandas veciñais prioritarias nas parroquias e no parque empresarial", segundo fontes municipais.
Este plan inversor contempla un aumento das partidas destinadas a redes de saneamento, subministro de auga e alumeado público, así como diversas melloras viarias de execución inmediata. Entre as intervencións principais, resáltase o proxecto de axardinamento e recuperación da entrada, a zona oeste e o bosque do Pazo de Baldomir. A actuación, que se desenvolverá en dúas fases, busca mellorar a proposta inicial recollida nos orzamentos participativos.
Os fondos permitirán acometer con urxencia o asfaltado e a regularización dos pasos de peóns nas rúas Rois e Mouroxo do polígono industrial, a ampliación da calzada na rúa Lubre para facilitar o tráfico seguro de camións e o acondicionamento dunha parcela en Guísamo para a futura reubicación da nave de servizos municipais.
A modificación de crédito tamén cubrirá a achega local para cofinanciar proxectos con axudas da Xunta, como a reparación de camiños rurais en Fiobre, Montecelo, San Vitorio e Babío a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Ademais, financiarase a rede de saneamento en Fiobre tras concluír as expropiacións, a reparación da rede en San Paio, o arranxo dun afundimento viario na estrada de Cangas cara á glorieta de Gandarío e a instalación de novas barreiras de seguridade.




