A peza escultórica, obra do ourensán Xoán Torres Cidre, renderá homenaxe a Amadeo López Bello, Julio González Álvarez, Eloy Romero Luis e Silvio Torres Díaz. O acto, impulsado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, busca recuperar a memoria dos espazos vinculados á represión na zona.
Estes catro homes foran detidos semanas antes do golpe de Estado e recluídos no cárcere de Celanova. O 29 de agosto de 1936 foron sacados da prisión e trasladados á marxe do río Ourille, na Poza das Ras, onde foron executados.
O memorial permitirá deixar constancia no propio lugar da identidade e da traxectoria das catro persoas asasinadas.
Entre as vítimas atópanse figuras vinculadas ao ensino e á farmacia. Amadeo López Bello era profesor en Beiro e militante do Partido Republicano Radical Socialista. Julio González Álvarez, tamén docente, residía en Verea e pertencía á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense. Eloy Romero Luis, farmacéutico en Leiro, presidira o Colexio de Farmacéuticos de Ourense. Silvio Torres Díaz era veciño do barrio do Couto, en Ourense, e traballaba como chofer.
As familias de Eloy Romero, Julio González e Silvio Torres confirmaron a súa asistencia á inauguración do monumento.
A colocación deste memorial coincide coa solicitude formal do Concello de Verea, a instancias do comité memorialista, para que a Poza das Ras sexa declarada Lugar de Memoria. Esta petición tramítase acolléndose á Lei 20/2022 de Memoria Democrática, que busca protexer e identificar espazos relevantes da Guerra Civil e a ditadura franquista.




