A Xunta de Galicia activou a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña, que xa estaban en prealerta desde hai un mes. Tamén se aplicarán medidas equivalentes a un escenario de alerta no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo.
Ademais, catro unidades territoriais entran en prealerta por escaseza moderada: as do río Tambre e ría de Muros; río Grande, en Camariñas; río Mendo e ría de Betanzos; e río Landro e río Ouro.
A decisión foi tomada pola Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, que tivo en conta os datos meteorolóxicos de xullo e as previsións, así como a evolución dos caudais e outros indicadores de seca.
O descenso importante e continuado dos caudais e do volume de auga encorada nestas bacías, que acumulan máis de dous meses con indicadores baixos, foi clave para a declaración da alerta. No caso das catro unidades en prealerta, valoráronse os baixos valores dos indicadores de escaseza e, no río Grande, o descenso do caudal superior ao 50% en xullo.
En total, xa son 91 concellos (32 en alerta e 59 en prealerta) os afectados por restricións ou medidas de seguimento. O resto da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa mantense en normalidade, cunha ocupación dos encoros do 72,74%, un 14,44% menos que o ano pasado.
O nivel de alerta supón a adopción de medidas para conservar os recursos, como a prohibición de usos prescindibles (baldeo de rúas, enchido de piscinas, rega de xardíns) e, se é preciso, cortes de auga puntuais. Os concellos afectados pola alerta inclúen Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa (río Lérez); Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas (río Anllóns); e Baiona.
A prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros, ademais de medidas de concienciación cidadá e a obriga dos concellos de comunicar os datos diarios de consumo. Os concellos en prealerta inclúen, entre outros, Santiago de Compostela, Ames, Noia, Ribeira, Camariñas, Betanzos, Foz e Viveiro.
O Goberno galego, a través da Oficina Técnica da Seca, traballa para adiantarse a posibles episodios de escaseza e garantir un consumo responsable dos recursos hídricos.




