A convocatoria, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro, está dirixida a estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional, e como novidade, tamén ao persoal docente para trasladar a experiencia científica ás aulas. O programa permite aos participantes "incrustarse" nun laboratorio de investigación, deseñar o seu propio experimento e presentar resultados nun congreso científico.
Nas súas sete edicións anteriores, máis de 1.700 estudantes galegos xa tiveron a oportunidade de vivir a experiencia de traballar con investigadores en áreas como a biomedicina, a química, a biotecnoloxía e as ciencias ambientais. Nesta edición, agárdase a visita de máis de 400 estudantes, dos cales se seleccionarán 20 para realizar estadías de tres días nos laboratorios.
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), busca achegar a ciencia á mocidade, fomentar vocacións científicas e dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de poñer en valor o papel das mulleres na ciencia.
A selección de centros e participantes priorizará as solicitudes procedentes de zonas rurais e reservará prazas para estudantes con discapacidade, reforzando o compromiso do programa coa inclusión e a igualdade de oportunidades. O programa desenvolverase ao longo do curso 2026-27 en diferentes fases, culminando cun congreso científico en abril de 2027.
O CICA, creado en 2015, é un centro de investigación de ciencias avanzadas con máis de 250 investigadores nas áreas de Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados, baixo o enfoque "One Health". Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia e recibe apoio de fondos europeos.




