O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibiu na Cidade da Cultura aos 28 artistas, investigadores e profesionais emerxentes do sector cultural que ata este venres 4 de setembro terán a oportunidade de amosar o seu traballo e de prácticas, metodoloxías e inquedanzas na décimo sexta edición do Encontro de Artes Novas (EAN).
O programa deste foro de arte contemporánea inclúe presentacións de proxectos, conversas con artistas, mentores e profesionais, e tamén unha sesión de traballo colectivo, formatos que apostan pola aprendizaxe mutua entre novos creadores e figuras consolidadas. Ademais, esta edición pon especial atención á intersección entre arte e tecnoloxía e lanza a primeira convocatoria da Residencia Artística EAN, dirixida a apoiar proxectos de creación ou investigación neste ámbito.
O director xeral de Cultura referiuse ao encontro como “un dos foros indiscutibles da nova creación en España, co que a Xunta continúa a reafirmar o seu compromiso e apoio ao talento emerxente”. Engadiu que esta aposta atópase “no ADN da Cidade da Cultura” e permite dar continuidade a “sólidas e produtivas alianzas” como a establecida coa Fundación Banco Sabadell, cuxo apoio é “imprescindible” desde 2011.
No acto de apertura, Anxo M. Lorenzo estivo acompañado da responsable de Alianzas da Fundación Banco Sabadell, Guadalupe Roncoroni, ademais da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e a directora do EAN, Chus Martínez Domínguez.
Como novidade, os participantes poderán optar a unha residencia artística para materializar proxectos no ámbito da arte e a tecnoloxía, cunha estadía de traballo no Gaiás, unha dotación de 12.000 euros, acompañamento curatorial e acceso a recursos, en liña coa futura posta en marcha do Centro Galego de Artes Dixitais.
Esta iniciativa conéctase co programa de residencias REGA, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para impulsar a creación artística aproveitando as estruturas e equipamentos da Cidade da Cultura e alianzas con organizacións de renome.
O programa complétase con relatorios de talentos recoñecidos como a escritora, comisaria e podcaster Sonia Fernández Pan, e o profesor e investigador en Filosofía da Tecnoloxía, Pablo Sanguinetti, autor de "Tecnohumanismo. Por un diseño narrativo y estético de la inteligencia artificial". Sanguinetti é profesor en IE University e foi membro do Google News Lab.
A apertura do programa correu a cargo da dupla artística Clo-Plas, proposta sonora da poeta e xornalista Xiana Arias e o artista e investigador Berio Molina. Tamén se incluirá unha sesión sobre Medialab Matadero, un espazo cultural innovador, e unha sesión de traballo colectivo conducida pola artista de novos medios Laura Tabarés e o arquitecto e artista visual Jacobo Bugarín, ambos participantes en edicións anteriores do EAN.




