O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se conceden distincións a propostas procedentes de alumnas e alumnos de institutos da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Tui. O certame, dotado con 12.000 euros en premios, está dirixido ao alumnado de Formación Profesional, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño da Comunidade.
Os proxectos gañadores, divididos en ciclos de grao superior e medio, inclúen iniciativas como Plasticrab, que revaloriza residuos pesqueiros e lácteos para crear bioplásticos; Protenord, unha empresa de biotecnoloxía para obter concentrado proteico e abono orgánico; e Corte Creativo, centrado no deseño de produtos turísticos galegos con tecnoloxía láser.
Na categoría de grao medio, resultaron premiados Hygrorock, que fabrica pedras que cambian de cor coa humidade; Jerky Beef Bites, para a elaboración de aperitivos proteicos de carne deshidratada; e MarIA, unha empresa de intelixencia artificial especializada no sector marítimo galego.
Os proxectos vencedores terán a oportunidade de incorporarse aos viveiros de empresa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e recibirán asesoramento técnico da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.




