O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou hoxe que o novo Marco para o impulso educativo contempla a posta en marcha dunha Escola Galega para a Función Directiva. Esta iniciativa forma parte dunha folla de ruta da Xunta de Galicia para avanzar na mellora da calidade do sistema educativo desde unha perspectiva integral, con accións específicas tanto para o alumnado como para o profesorado e os centros.
Rodríguez reuniuse esta mañá cos equipos directivos dos centros educativos da provincia de Pontevedra para presentarlles esta iniciativa, acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila; e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. O Marco desenvolverase a través de cinco liñas estratéxicas de actuación centradas no reforzo das competencias básicas, a mellora continua, a igualdade de oportunidades, os novos retos tecnolóxicos e de dixitalización e a figura do profesorado.
No que atinxe ao reforzo da función directiva, prevese a creación desta nova Escola, así como a mentorización e formación especializada para os novos directivos. Tamén se reforzará o acompañamento ao profesorado en prácticas e aos docentes noveles por parte de profesorado experimentado, que disporán dun itinerario específico de apoio durante os seus primeiros anos de exercicio.
O conselleiro fixo especial fincapé na figura do profesorado como “un actor fundamental neste camiño de mellora” e anunciou que está a piques de entrar en funcionamento a Oficina de apoio ao profesorado, un servizo de nova creación que ofrecerá acompañamento, asesoramento, orientación, apoio e asistencia xurídica aos profesionais docentes.
No eido do reforzo das competencias básicas, destacou a constitución dos grupos de traballo de Avanza Matemáticas e Avanza Lectura para Primaria, que se porán en marcha xa no presente curso escolar. Paralelamente, trabállase na actualización dos currículos de Primaria para que a competencia lectora teña un carácter transversal e establécense orientacións curriculares para delimitar as aprendizaxes mínimas en Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas. En Secundaria, o vindeiro curso haberá unha nova materia obrigatoria de Lectura e Comprensión en 1º e 2º de ESO.
Ademais, o Marco inclúe o novo Programa de reforzo educativo extraescolar para 6º curso de Educación Primaria, dirixido a alumnos con dificultades en lectura e matemáticas. En canto á convivencia, presentáronse novas medidas para fortalecer o clima de respecto nas aulas, que inclúen a intensificación de sancións para faltas moi graves como acoso e ciberacoso, e tipifícanse por primeira vez as agresións aos docentes.




