A apertura de Mostrart e da Feira do Libro da Coruña marcou hoxe o inicio das Festas de María Pita 2026. Ao longo de todo o mes de agosto, a cidade converterase nun gran espazo de encontro arredor da cultura, a música e a creación. Ambas as dúas citas, consolidadas como referentes do verán coruñés, ocupan desde hoxe os Xardíns de Méndez Núñez.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá os diferentes espazos de Mostrart, que celebra a súa 42ª edición. Ata o 30 de agosto, os xardíns acollerán máis de 65 artesáns e artesás en 45 casetas, cunha ampla representación da artesanía contemporánea galega e estatal. Rey destacou o papel de Mostrart como "un magnífico escaparate do talento creativo e do traballo dun sector que mantén vivas técnicas e oficios que forman parte do noso patrimonio".
Pola súa banda, a Feira do Libro da Coruña inaugurouse oficialmente ao mediodía e permanecerá aberta ata o 10 de agosto coa participación de 38 librarías. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a ilustradora e Premio Nacional do Cómic Bea Lema, encargada do pregón, estiveron presentes no acto. Castro subliñou que a feira é "unha demostración de que os libros seguen sendo unha ferramenta imprescindible para comprender o mundo".
O edil tamén eloxiou a elección de Bea Lema como pregoeira, destacando a súa traxectoria e o recoñecemento co Premio Nacional do Cómic. Castro reivindicou o papel da banda deseñada como "porta de entrada ao hábito lector" para moitos nenos e nenas.
Coa apertura destas feiras, o Goberno local dá comezo a un intenso calendario cultural que inclúe o pregón de Lucía Veiga e o concerto de Luz Casal hoxe mesmo. Durante agosto, a cidade acollerá tamén citas como as Noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia e Viñetas desde o Atlántico.
"Entramos de cheo nun mes de máxima actividade na Coruña cun programa pensado para toda a cidadanía e tamén para as persoas que nos visitan", sinalou a alcaldesa Inés Rey, destacando a diversidade da oferta estival.




