A Consellería do Medio Rural confirmou a extinción do lume, que se orixinou na noite do domingo e afectou unha superficie de 0,13 hectáreas de monte raso dentro dos límites do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Os traballos de extinción comezaron ás 21:21 horas do domingo e finalizaron ás 10:40 horas do luns. No dispositivo participaron tres axentes, catro brigadas e unha motobomba, sen necesidade de medios aéreos.
O incendio produciuse nunha zona de especial protección ambiental, situada no sur da provincia de Ourense e na fronteira con Portugal.
Medio Rural aproveitou para lembrar a importancia de comunicar calquera indicio de incendio forestal chamando ao teléfono gratuíto 085.




