A Universidade de Vigo e a Cátedra Telefónica reuniron este venres na Escola de Enxeñería Industrial a representantes do ámbito universitario e empresarial para analizar o impacto das tecnoloxías dixitais e a conectividade intelixente na industria galega. A xornada 'Ágora: Conectividade intelixente para a industria do mañá' centrouse en como o 5G, o IoT ou o Edge Computing están a transformar os modelos produtivos cara a unha industria máis conectada, intelixente, flexible e centrada nas persoas.
No acto de apertura, o vicerreitor de Infraestruturas da UVigo, David Álvarez, destacou que estas tecnoloxías xa son unha realidade presente e non futura, sendo a conectividade tan básica como a electricidade ou a auga corrente para a automatización e a sostibilidade. Manuel Ángel Alonso, director Territorio Norte de Telefónica España, puxo en valor a unión entre universidade, tecnoloxía e industria, e o director da EE Industrial, José Fariña, subliñou o interese do evento para o alumnado.
A xornada incluíu mesas redondas e conferencias sobre aplicacións reais na industria, como a conectividade intelixente, os xemelgos dixitais, a intelixencia artificial e a robótica. Participaron expertos da Universidade de Vigo, Stellantis Vigo, Telefónica, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Brain4Mobility.
O encontro tamén coincidiu co 125 aniversario da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e os 25 anos da Rede de Cátedras Telefónica, destacando a colaboración entre universidade e empresa para o desenvolvemento tecnolóxico e do talento dixital.




