A xornada, que busca achegar á cidadanía o traballo científico e tecnolóxico do centro, combinou visitas guiadas aos laboratorios con demostracións interactivas e postos divulgativos. As persoas asistentes coñeceron investigacións e aplicacións relacionadas coa cuántica, a robótica, as comunicacións 5G e 6G, a intelixencia artificial, a realidade virtual, a fotónica ou a exploración espacial.
A mañá estivo dedicada a escolares, con arredor de 150 estudantes de varios colexios e institutos de Vigo. Pola tarde, as instalacións abriron ao público xeral, que puido achegarse ás distintas propostas de divulgación, apoiadas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polos fondos FEDER.
Entre as demostracións destacaron as redes avanzadas de comunicacións B5G/6G, onde a robótica se emprega como plataforma experimental. Tamén se presentaron modelos de satélites CubeSat e prototipos de robots para explorar covas lunares, así como experimentos sobre a latencia en comunicacións cun coche teleoperado.
Outros postos mostraron aplicacións tecnolóxicas na saúde, como un simulador de realidade virtual para adestramento en colonoscopia e investigacións sobre o uso de reloxos intelixentes e IA para estudar o movemento humano. A cuántica e a fotónica completaron a oferta con experiencias sobre a luz, a fibra óptica e dispositivos fotónicos.
Ademais das demostracións, as visitas guiadas permitiron coñecer infraestruturas como o Laboratorio de Seguimento de Satélites, o Laboratorio de Acústica cunha sala semianecoica, e o Laboratorio de Medidas Radioeléctricas cunha cámara anecoica.




